Esta vez si!!! Magosto solidario o xoves 24!!!

A Casa do vento vai camiño do seu terceiro aniversario… Case 3 anos nos que se tentou (con mellor ou peor sorte) que fose un espazo no que todas puidesemos compartir inquedanzas e saberes, traballar en conxunto naquilo que nos interesa, ou mesmo divertirnos… Por iso, e porque por desgraza os “centros sociais okupados e autoxestionados” non se manteñen sos, imos levar a cabo este magosto solidario co cal, ademais de pasar un rato agradábel, pretendemos recadar cartos para, entre todas, poder custear os gastos da necesaria reforma na instalación eléctrica. Como xa se dixo neste blogue haberá castañas de balde para todas, música ao vivo, agradábeis conversacións á quentura do lume e, por suposto cea e bebidas a prezos populares… Agardámosvos!!!

Resumo e valoración da primeira aula de euskera

O pasado venres 18 de outubro deron comezo as aulas de euskera na Casa do Vento. Velaquí un breve resumo dos contidos traballados nesta primeira sesión e unha pequena valoración subxectiva dunha persoa (quen escribe) que tivo o pracer de asistir como alumna:

Pronomes persoais tónicos:
eu……………….ni
ti…………………zu (tamén se emprega a expresión coloquial “hi”
el/ela……………hura
nós……………..gu
vós……………..zuek
eles/elas………haiek

Presente de indicativo do verbo ser ( izan ):
ni……………naiz
zu…………..zara
hura………..da
gu…………..gara
zuek………..zarete
haiek……….dira

Presente de indicativo do verbo estar ( egon ):
ni……………nago
zu…………..zaude
hura…………dago
gu…………..gaude
zuek……….zaudete
haiek……….daude

Partículas interrogativas:
quen……………………nor (singular) / nortzuk (plural)
que……………………..zer
como……………………zelan / zer modus
onde…………………….non
cal……………………….zein (singular) / zeintzuk (plural)

Números:
0………zero
1……….bat
2……….bi
3……….iru
4……….lau
5……….bost
6……….sei
7……….zazpi
8……….zortzi
9……….bederatzi
10……..hamar

Posesivos (si, xa sei que non sona moi ben):
meu / miña……….nire
teu / túa…………..zure
seu / súa………….bere / haren
noso / nosa ……..gure
voso / vosa ……….zuen
seus / súas ………haien

Algún adverbio de modo:
ben…………..ondo
mal…………..txarto
regular……….kili-kolo

Exemplos prácticos:
Quen es ti?………………………Nor zara zu?
Eu son Pedro……………………Ni Pedro naiz
Quen son elas?…………………Nortzuk dira haiek?
Elas son María e Laura……….Haiek María eta Laura dira
Como estades (vos) ?…………Zelan zaudete ?
Estamos ben……………………Ondo gaude
Como está a túa nai?…………Zelan dago zure ama?
A miña nai está regular………Nire ama Kili-kolo dago
Onde estás?……………………Non zaude?
Estou en Casa do Vento…….Casa do Venton nago (o “n” equivalería á preposición “en” )
Cal é o seu número?…………Zein da bere zenbakia?

*Obsérvese que:
.Non é imprescincíbel o emprego dos pronomes persoais tónicos cando a forma verbal xa nos informa acerca de quen leva a cabo a acción.
.O máis importante (concepto así un tanto intuitivo) da oración debe de ir xusto diante do verbo.
.Non hai distinción de xénero nos pronomes nin nos posesivos.

Dicir que a idea de colgar neste blogue o traballo realizado nas aulas de euskera corresponde a intención de crear unha escolma con todo o material acumulado e, xa que estamos, facelo de dominio público para que quen queira (mesmo posíbeis alumnas en potencia aínda dubitativas) poida facer uso del. Engadir que cada semana unha alumna distinta ( ou eso espero ) subirá os seus apuntamentos á rede.

É agora xa como valoración persoal direi que me sentín moi cómodo neste primeiro encontro co euskera, pois tanto o grupo como as dúas “profes” (nativas, por suposto) son moi agradabeis. Conseguimos traballar nun rexistro bastante informal, no que tódalas persoas puideron expresar as súas opinións e dúbidas. Houbo unha intención clara, por parte das profes, de que tódalas alumnas participaran de xeito activo, instando en todo momento á practica oral do aprendido. A sensación, me atrevería a dicir que xeral, foi moi satisfactoria pois, a pesares do informal do asunto, coido que avanzamos bastante para ser o primeiro día… Pouco máis que dicir… Animar a toda persoa interesada a que se achegue o vindeiro venres ás 16.30 (prégase puntualidade) e as miñas desculpas polos erros que, case que deseguro, haberá no resumo de contidos…

Magosto aprazado!!! Nova data: 24 de outubro

Por mor da imposibilidade de apañar castañas dabondo vémonos na obriga de aprazar o magosto proxectado para mañá, xoves 17 de outubro, sendo o vindeiro xoves 24 a nova data elixida. Pregamos desculpedes as molestias e animámovos a que non faltedes á cita. Haberá castañas de balde para todas, música ao vivo, agradábeis conversacións á quentura do lume e, por suposto, cea e bebidas a prezos populares…

Grupo de traballo sobre a antipsiquiatría

A raíz das xornadas de “A loucura na corda” xurdiu un grupo de traballo sobre a antipsiquiatría coa idea de formarnos na crítica á psiquiatría convencional.

A nosa intención é escoller temas concretos sobre o s que queremos debatir e darnos un tempo para traballalo de xeito individual. Despois poremos en común e sobre o papel as principais conclusións para así crear material para socializar o debate.

A próxima xuntanza será o venres, día 25 de outubro ás 17.30 na Casa do Vento, onde falaremos sobre o concepto da “normalidade”. Para iso, veremos o vídeo dunha conferencia chamada “La muerte de la clínica”, de Beatriz Preciado e analizaremos os criterios que usa a medicina moderna para establecer os límites entre a “normalidade” e os “trastornos psiquiátricos”, así como cando se considera a recuperación ou curación desta. Tamén queremos sacar a debate a homoxeneización que provoca dito termo e o que acontece en casos de sobrepasar os límites.

Estades todas convidadas a vir e espallar a reflexión e a loita!

Xa chegou o outono, xa chegou o magosto

Para sacar a preguiza do verán, celebraremos un magosto solidario o xoves, día 17 de outubro na Casa do Vento, para poder rematar de cambiar o circuito eléctrico.

Para iso, quedamos o venres que ven, día 11 de outubro ás 16h no vento para ir apañar nas castañas polo Pedroso. Animádevos e aproveitade para coñecer o proxecto de autoxestión no que andamos.

Ademais, tamén imos comezar con algunhas actividades:

– Asamblea: todos os martes ás 19h

– Aulas de euskara todos os venres ás 16.30h

– Grupo de debate e traballo de antipsiquiatría, que comezará o venres, día 11 de outubro ás 20h, para despois decidir próximas xuntanzas