Martes 12 de novembro ás 21 horas… Asemblea extraordinaria + ceador…

Isto non vai ser un comunicado formal e, aínda que participe dela, non escribo en nome de ningunha asemblea. Somentes vou expresar o que sinto… A Casa do Vento… Apenas catro paredes… E moreas de boas lembranzas. Alí coñecín persoas desas que pagan a pena de verdade, atopei partes de min que tentaban agocharse, mesmo desterrei algún que outro medo… Agora miro ao pasado con nostalxia, xa nada é o que era… Mais a casa segue no seu sitio… Durante case tres anos se apelou a unha conciencia de grupo, unha conciencia de grupo que se instalou no noso interior case sen avisar, unha conciencia de grupo que nos deu forzas en momentos de debilidade, que nos deu tamén a dobre satisfacción da ledicia compartida… Unha conciencia de grupo que hoxe sinto esmorecer… Mais a casa segue no seu sitio… Noutrora roíame a dúbida de se todo proxecto precisaba ter unha liña de traballo clara, un horizonte cara o que camiñar, unha ideoloxía… Agora penso que non hai mellor proxecto que a vida en si mesma, que a única liña de traballo verdadeira é aquela que entende de sentimentos e non de ideoloxías, que aquelas persoas que dan todo por nada son as máis rebeldes… Mais a casa segue no seu sitio… Está farta xa de tanta soidade, de tanto silencio… Farta do po que decora os seus libros, das arañeiras que visten as ferramentas do seu taller… Farta de que o seu matraquiños de balde albisque menos sorrisos que calquera de pago, de que non se valore o feito de relacionarse nun espazo que é unha reivindicación en si mesmo… Mais a casa segue no seu sitio… Segue no seu sitio agardando por alguén que volte enchela de vida, agardando por alguén que comparta con ela algunha ilusión, agardando… Tal vez, por ti…

POR ISTO E POR MOITO MÁIS… ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA CASA DO VENTO O MARTES 12 DE NOVEMBRO ÁS 21 HORAS. PORQUE A OKUPACIÓN BRÍNDANOS A OPORTUNIDADE DE QUE ESPAZOS COMA ESTE POIDAN SER DE TODAS… NON A DESAPROVEITEMOS… ACHÉGATE E PARTICIPA…